A Xunta declara BIC o castro de Fazouro, en Foz

O seu valor susténtase, segundo o organismo autonómico, en que é o único poboado costero excavado e musealizado na costa cantábrica galega

A Xunta declarou o Castro de Fazouro (Foz) como Ben de Interese cultural na categoría de sitio arqueolóxico. Segundo a Xunta, este castro “posúe un indubidable valor histórico e arqueolóxico de carácter sobranceiro”. O goberno autonómico sinala o “forte grao de romanización asociado a explotacións metalúrxicas e auríferas” e que para a súa construción “empregaron laxas de lousa, en contraste co granito usado na franxa atlántica”.

A proposta de declaración BIC, a máxima categoría de protección dun sitio cultural, contou cos informes favorables da Comisión Territorial do Patrimonio Histórico de Lugo e dos órganos consultivos (Consello da Cultura Galega, Real Academia de Belas Artes e Facultade de Humanidades da USC), que aportaron propostas e recomendacións no que atinxe á súa área de protección.