Crónica: Percorrido polo camiño primitivo a Santiago

Autora: Ánxela Gracián (Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde)

O pasado sábado, 21 de febrero, algúns membros da Asociación Amigos do Patrimonio de Castroverde fixemos o roteiro do Camiño Primitivo coa Asociación Vía Láctea. Para min foi unha etapa entrañable, pois saímos das terras frías e altas do Cádavo, dende o lugar da Fontaneira, e deseguida enveredamos cara a Castroverde.

Nada máis culminar o monte da Vacariza -dende onde ao fondo se albisca xa a cidade de Lugo nos días claros-, sentín esa sensación que sempre me invade cando chego á miña terra, a de pisar chan sagrado e ancestral onde viviron sempre os meus devanceiros. Por máis que o intentei, foime tarefa imposible convencer á tan faladora, comunicativa e simpática amiga Chelo, que é da Abelleira (Concello de Muros) e que hai dúas semanas nos levou á espectacular Fisga (Monte da Abelleira en Muros), e ao tan descoñecido e auténtico Bornalle (parroquia de Muros), que as terras montesías teñen un aquel único e irrepetible.

Tenteino á altura da capela do Carme de Vilabade, espazo único, dende o que lle amosei o tan nobre Pazo da Pena dos Osorio, unha das mellores fachadas da arquitectura pacega luguesa, xunto co de Cellán de Mosteiro, o primeiro cada vez con máis goteiras. Volvino tentar cando pisamos Vilabade.

Pensei que ninguén fica indiferente ante esta fermosa aldea, con pazo, ao que xa lle debían retirar a plaquiña de “Turismo rural” que parece un insulto ás xentes de ben con casiña humilde (abriu algunha vez as súas portas nobres tan insigne casa restaurada), con igrexa de grandísimo tamaño e santo apóstolo Santiago de pedra, canzorros románicos e portada labrada con arte, a esta igrexa algúns chámanlle a catedral de Castroverde, pola súa monumentalidade, o que daba conta do número de habitantes que tivo algunha vez esta vila. Aínda que para min as auténticas catedrais sexan as cañotas dos castiñeiros que veñen despois polo camino que leva á vila, esas e tantas cañotas e outras árbores centenarias de todo o concello.

E aínda o tentei mentalmente desta vez á altura de San Miguel onde a forza das carballeiras, a arrendodada paisaxe de outeiriños que outrora tal vez fosen castros, os vales sumidos nunha melancolía que algúns sentimos decadente, se deixa sentir dun modo único…

Ao camiñalos e habitalos durante uns segundos, atravesando os vilares do fondo todos nos facemos a mesma pregunta; ¿qué será nun futuro das nosas aldeas galegas se non hai un modo de vida digno para as xentes que alí nacen?. Entristécennos as ganas de falar dos nosos vellos que ven nos camiñantes un refuxio efémero dese baleiro que hoxe hai nas casas, por certo, as de Castroverde, -terra de granito e canteiros-, grandes e sólidas, rodeadas de pendellas cuxas columnas son horas e horas de traballo dun home.

camino_primitivo_post

Tanto esforzo noutro tempo e tanto orgullo ter unha casa grande rodeada de veigas, airas e esterqueiras, para estar hoxe no máis absoluto esquezo. Chegamos á hora do xantar á vila, chamada no Catastro de Ensenada Santiago de Vilariño, hoxe Castroverde, para algúns Castro Verde, entón visitamos a torre da Fortaleza, outrora símbolo do poderío da casa do conde de Lemos.

As ruínas do antigo castelo piden a berros unha restauración xa, expropiación dos terreos que o circundan, reconstrución digna e museo. Hai no protocapitel da ventá norte o gravado dun misterioso gaiteiro no que eu sempre quixen ver o recoñecemento á perpetuidade dun pasado musical que encheu as terras galegas, ou tal vez ese repoludo don xoán rosaliano que era a perdición das mozas casadeiras, quen sabe se o refuxio clandestino dunha condesa ociosa e cansa da soidade do home nas guerras contra os mouros, pois, despois dos Lemos, viñeron os Castro, e gañaron poderío no seu apoio ao rei.

Enfín, deixemos que as razóns da existencia dese fermoso relevo queden á interpretación fantasiosa de cadaquén. De todos xeitos, o certo é que hai algo indiscutible, paga a pena achegarse, obviar a ruína, e imaxinar a vida de don Fadrique de Castro a cabalo por Castroverde adiante, ¡ostentoso e lanzal.

Disque tamén a cabalo andou por aquí dona Xoana de Castro, irmá da tan cantada Inés de Castro, a muller-garza, din que a dona Xoana lle gustaban moito as patacas con verzóns, rustrido de allo e pementón con chourizo guisado, se cadra só son faladurías e a dona Xoana o que en realidade lle gustaba eran os faragullos, prato local que a min me cociñaba de nena Dona Remedios da Casa Nova que en paz descanse, muller de gran corazón e paciencia cos nenos.

Non sei que comeu Xoana de Castro cando pasou por Castroverde, nós degustamos no Restaurante Pereira as excelentes carnes do país que Maribel prepara e que nunca decepcionan, outros optaron por escollas máis internacionais nese espazo tan coidado que é A Lenda, outros, como fan os verdadeiros e austeros peregrinos, botaron man do sempre agradecido bocadillo feito na casa.

No xantar, Manolo Muñiz, presidente da Asociación de Amigos do Patrimonio de Castroverde, á que teño a honra de pertencer, agasaollou a asociación Vía Láctea co seu libro de Roteiros polo Concello de Castroverde, guía indispensable para quen se queira achegar ao patrimonio cultural, paisaxístico e etnográfico da nosa terra, e ofreceuse tamén a guiarnos o próximo día para falarnos da tan esquecida igrexa de Soutomerille, Castro e Croa.

¿Por qué non pasa o camiño por ese remanso de beleza en estado puro que é Soutomerille? Misterios dos que debuxan as engurras dos mapas. Alí, en Soutormerille asistín ao que debeu ser a primeira obra de teatro, á idade de seis anos. Foi grazas a Ermitas das Penas que traballaba na dinamización dun pequenísimo Teleclub que construíran en Vilar.

O argumento era creación de Ermitas e outra rapaza. Falaba dun rego de auga que se queixaba ao pasar por unha pedra aguzaba, xa que o magoaba ao pasar nas costas, imaxino que, sen eu sabelo aquela pequena historia, co paso dos anos inspirou o meu Camiño solitario, homenaxe a tantos camiños que, ao non camiñalos, se van pechando.

Quérolle agradecer hoxe tantos anos despois dende aquí o traballo desta mestra chea de boas intencións e cariño aos nenos da zona que nos levou de excursión a Soutomerille, e que sobre todo tiña intención de cambiar as cousas, aínda que as veces as cousas non saian como un desexa.

O próximo día con Manolo Muñiz comezaremos por Soutomerille, lugar digno de ser visitado, e que o faremos na próxima etapa a pesar de non estar na traza actual do Camiño Primitivo, e uns quilómetros máis adiante abandonaremos xa o noso concello, para entrar nas terras de Lugo.

Todos os adeus son tristes, porque, como dicía Castelao, “a vila que a un o viu nacer, non é unha vila calquera”. ¡Nunca adquiriron para min tanto sentido estas palabras coma o pasado sábado!