Os museos da Rede Museística celebran o Día Internacional do Patrimonio con visitas guiadas e gratuitas

Co motivo da sinatura en París, o 16 de novembro de 1972, da Convención do Patrimonio Mundial Cultural e Natural, que sentaba a bases para desenvolver a protección deste tipo de patrimonios, a UNESCO creou o Día Internacional do Patrimonio. Para conmemorar este aniversario, os museos da Rede Museística celebran tamén, este 16 de novembro, o Día Internacional do Patrimonio

A Rede Museística quere sumarse ao 46 aniversario desta efeméride lembrando que, todos os días, ofrece as Musavisitas pola Rede, actividade nas que os visitantes poden gozar de visitas guiadas nos diferentes museos que integran esta rede e que se suman á oferta das concertadas previamente.

Estas visitas guiadas e gratuítas teñen lugar todos os días, de acordo co seguinte horario:

Museo Provincial de Lugo: 11:30, 12:30, 17:30 e 19:00 horas.

Museo Pazo de Tor: 11:00, 12:30, 16:30 e 18:00 horas (agás os luns).

Museo Fortaleza de San Paio de Narla: 12:00 horas e ás 17:00 horas (agás os luns).

Museo Provincial do Mar: 12:00 horas e ás 17:00 horas (agás os luns).

Todos os días a entrada aos museos da Rede Museística son gratuítas, dispoñendo ademais dun amplo horario de visitas, que se prolonga a todos os días da semana no caso do Museo Provincial de Lugo. Ademais, a Rede Museística quere lembrar que, na provincia de Lugo, están declarados Patrimonio da Humanidade a Muralla de Lugo e os Camiños de Santiago, e que os museos que integran esta Rede teñen a consideración de BIC (Ben de Interese Cultural).

O Museo Provincial de Lugo ten a particularidade de ostentar tres BIC: como museo, polos restos do antigo convento de San Francisco (cociña, claustro e refectorio) e para a maior parte (a antiga A. Gil Varela) da Colección de Ourivería Antiga.