PEGADAS ESQUECIDAS DE ROMA EN LUCUS AUGUSTI

O Museo Provincial de Lugo, a través do Departamento de Arqueoloxía e Historia, súmase ás actividades da primeira edición das Xornadas Europeas de Arqueoloxía, en plena celebración do Arde Lucus 2019, programando unha conferencia que será impartida polo arqueólogo do Museo Provincial de Lugo, Enrique Alcorta, o venres, 14 de xuño de 2019, ás 19:00h. Actividade que se suma ás máis de 200 programadas por distintos países de Europa os días 14, 15 e 16 de xuño.

Os labores de catalogación informatizada dos materiais existentes nas zonas de reserva do Museo Provincial de Lugo, emprendidas hai anos, depararon a revisión dalgúns elementos latericios, en concreto uns bipedales, ladrillos / baldosas de 60 x 60 cm, que damos a coñecer na presente ocasión, como un acto máis das Xornadas Europeas de Arqueoloxía. Bipedales que basicamente destacan por presentar pegadas (icnitas) de sandalias romanas deixadas probablemente polos mesmos artesáns que realizaban as pezas, así como outras de animais.